Xoán Piñón decidiu os seus últimos 40 anos de vida nunha aula. Foi mentres estudaba o bacharelato, nunha clase co acuarelista Mariano García Patiño, que o veu encamiñado ás ciencias cando as súas aptitudes estaban noutro lado. O pintor recomendoulle apostar polas artes pero, naqueles anos 60, "todo o que non fora enxeñería ou economía non se contemplaba". Piñón fíxose médico, "o papel que tiña asignado", pero lembrou sempre aquela frase do seu mestre, ao que rematou por facer caso uns anos despois de licenciarse.

"Empecei a perder interese de súpeto. A familia e os amigos dicíanme que como ía deixar a miña carreira por isto, pero, neste percorrido tan pequeno que é a vida, tes unha débeda co que te vén dado", conta o creador. Estes días, no Kiosco Alfonso, ao coruñés tócalle mirar cara aqueles comezos, que decoran as paredes do recinto desde onte e ata o 19 de xaneiro. Nelas repasa a súa vida, décadas e décadas consagrado á cámara, desde os seus primeiros pasos no 1977 ata o 2007.

Como "un queda representado pola época na que vive", Piñón remata retratado en todas as súas facetas. Na mostra recolle fotografías de mocidade, aquelas que sacaba "coa inxenuidade coa que se fan as cousas nos inicios", nos que practicaba capturando reflexos e estruturas como aprendizaxe. A experimentación veu despois, un terreo ao que chegou para quedarse. "Eu déixome levar. Son moi teimudo, e cando unha cousa me interesa vou por aí, non me gusta deixala a medias", confesa.

Di o fotógrafo que aquilo é herdanza da súa nai, que lle educou na perseveranza. Foi tamén a que lle meteu no corpo a inquedanza artística, con clases de debuxo coas que se abstraía aos sete anos e que foron, asegura, a súa "primeira fonte de coñecemento". Logo tivo moitas outras, tanto na capital, como autodidacta, coma na súa cidade, onde cofundou o colectivo de Novos Fotógrafos Coruñeses. "Houbo unha explosión cultural coa democracia e nos xuntamos. Había unha necesidade de romper con todo o anterior", lembra o artista que, lonxe ou preto, levou sempre a Galicia consigo.

A querenza por ese patrimonio é un dos fíos condutores da súa obra artística. O autor recoñece o seu brillo entre as 138 instantáneas da súa exhibición, na que ronda a preocupación pola conservación do acervo natural. "Non se pode destruír, pero é un problema que temos e sobre o que sempre incido", sinala. A súa axitación queda patente en series coma O Courel, polo que paseou cámara en man durante "dez outonos", ou A hora de carnati. Alterados. As imaxes, feitas cada luns durante 24 meses aos produtos dunha colleita, serven de "paralelismo coa evolución do planeta", que se vai degradando, coma o cultivo, co tempo.

En total, Piñón escolleu nove das súas coleccións. Decidirse por unhas ou outras levoulle tempo, desde maio ata esta mesma semana, e a indecisión tivo que arranxala ás veces con series como Diversas. Nela conflúe unha miscelánea de pezas de distinta temática, na que se combinan coma nun quebracabezas fotografías dos 80, arquitectura ou cine. Tamén o retrato está presente, con rostros coñecidos como o de Paco Rabal ou Fernán Gómez, aos que inmortaliza non tanto en pel coma en alma.

"Eu intento ver a esencia das persoas. Que queden representados coas súas inquedanzas, non como se ven no espello", relata o artista, que considera que a espontaneidade debe primar sobre unha técnica que está para ser esquecida. Nos seus traballos actuais, o coruñés continúa nese camiño da experimentación, no que está a ensaiar coa fotografía abstracta e a nocturna. Encargos empresariais, entre os que figuraron compañías coma Microsoft, son outra das súas vertentes, coas que sostén a súa aresta máis artística.