Plácido Lizancos comeza unha nova etapa na Escola de Arquitectura da Coruña, cuxa dirección non asumirá so. Farao cun equipo de amigos que integran a súa candidatura. O proxecto que inicia ten como símbolo a Man Aberta de Le Corbusier, coa que quere imprimir a súa vontade de dar á Escola tanto como recibiu dela.

Que o levou a presentar a súa candidatura?

Presentáronse tres candidaturas. O que nos levou a nós foi entender que a Escola é un dispositivo e ten un potencial enorme, no que nos podemos subir para chegar con cada proxecto a un destino diferente. No noso proxecto hai un destino, a Escola é moi boa, ten moitos potenciais para un futuro inmediato.

Pensan manter algún elemento da dirección anterior?

A dirección anterior estivo aquí oito anos moi complicados. Tivemos oito planes de estudos, a xubilación de moitos profesores moi relevantes, a destrución da industria da construción, un devalar demográfico moi grande que repercutiu no alumnado, unha mingua das disciplinas do ensino medio que que conducen á Arquitectura... O equipo anterior tróuxonos ata aquí nunha situación razoablemente boa. Tiveron que facer un traballo enorme. A partir de aquí, seguimos.

A mans cheas din, a mans cheas recibín é o lema da candidatura. Que é o principal que queren darlle á escola?

Queriamos simbolizar que, dende os mais novos ata os maiores, estamos aquí porque fixemos disto a nosa vida. Coñecemos aos nosos mellores amigos, ás nosas parellas, perdemos amigos porque se xubilaron ou morreron, aquí fixémonos profesionais, investigamos. Da Escola recibimos a mans cheas, e, responsablemente, chega o momento de devolvelo, por agradacemento.

De que xeito se vai adaptar a Escola a unha realidade profesional cambiante?

Podería dicirche que a Escola viviu catro etapas. Unha primeira, na que se fundou, nunha Galicia en situación urbanística precaria. Foi unha xeración que axudou a construír Galicia. Unha segunda Escola é a da Galicia que constrúe as súas institucións, a casa do Presidente ou a sede do Goberno. A Escola de Arquitectura estivo alí. Logo hai un momento no que a actividade arquitectónica se conecta do desenvolvemento económico. Esa etapa que estamos cerrando, como consecuencia da crítica, propia e externa, debe dar paso a unha etapa de compromiso social, de construír unha sociedade inclusiva, social, consciente.

Vanse estimular, dende a Escola, os proxectos de cooperación?

Si. A Escola sempre estivo comprometida co mundo que a rodeaba, sempre houbo un compoñente social. Aquí construímos para o 100% da sociedade, sen deixar a ninguén atrás, e iso vai seguir así.

Como ten pensado facer fronte á perda de alumnos que se vén dando estes anos?

Debemos entender á perda de alumnos no máis amplo contexto. Hai unha crise demográfica coa que non podemos loitar. Temos que dimensionar o campus para ese contexto. Hai que deseñar unhas ferramentas e abrir unhas canles que se acheguen ao estudantado do ensino medio, a familias, profesores, e comunidades para que entendan que a profesión de arquitectura admite calquera sensibilidade. Temos unha potencia enorme e é que boa parte do profesorado do ensino medio é egresado. Temos que saber que pensa de nós o estudantado e deseñar a resposta adecuada.

O alumnado reclama a reorganización dos horarios. Vanse implementar proxectos como o da Etsac 24 horas?

Eu creo que a Escola habería que abrila 25 horas ao día, 13 meses ao ano e 8 días á semana. Hai que poñer en orde as cousas. Abrir os espazos non chega para que isto se active. Hai que provocar que a comunidade se active, e cando haxa un desborde de actividade, abriremos a escola 25 horas ao día. Creo que, neste caso, a orde dos factores si que altera o produto. Podemos fracasar se abrimos a porta e atopamos espazos baleiros A nosa predisposición é a de activar e abrir.