Noticias | Agenda

No centro do mundo fede a bravío

Os iniciadores do 'bravú' celebran os 25 anos do movemento con actuacións musicais a cargo de bandas como os Diplomáticos de Monte Alto ou Os Rastreros
05-12-2019 22:26
4 votos
Os Diplomáticos de Monte Alto no ano 1980. La Opinión

Os Diplomáticos de Monte Alto no ano 1980. La Opinión

Hai 25 anos, en Galicia cocíase unha revolución que ninguén puido presaxiar. Nin sequera os propios efectores do seu estoupido, que un día, nunha taberna de Viana, decidiron deixar de ser meros espectadores e converter as súas aldeas no centro do mundo, dando a luz ao movemento que hoxe cumpre, contra todo prognóstico, un cuarto de século creando referentes, adeptos e firmes opositores. A revolución bravú chegara, sen que ninguén fora quen de impedilo, para quedar.

"A carne prestou e nos brindes, mollada en licor café agromou a palabra talismán bravú. O cheiro a carne do monte, sen castrar", escribía hai cinco anos un dos primeiros asinantes daquel manifesto oral, Xurxo Souto, a voz detrás dos Diplomáticos de Monte Alto. Unha decisión que hoxe revive para parabenizar o legado imperecedoiro dun movemento cultural, musical, xornalístico e literario que se soubo liberar de complexos e que tivo na súa propia existencia a súa maior repercusión. "Parecía que non podía existir música emerxente en galego. O bravú foi unha anomalía, ninguén esperaba que existise", explica Souto.

Os Rastreros de Chantada, mans executoras daquela xuntanza que sentou as bases do fenómeno, abren hoxe o ciclo de homenaxes ao movemento cunha actuación na sala Mardi Gras ás 22.00 horas. A banda Xangai, unha amálgama musical composta por pezas dos grupos daqueles anos, acompañaraos sobre as táboas. "Coñeciamos aos grupos de Madrid e de Londres, pero os Diplomáticos de Monte Alto non sabían da existencia dos Papaqueixos da Coruña. Os Rastreros puxeron fin a aquela incomunicación que existía", relata Souto. O bravú puxo sobre a mesa a reivindicación do próximo, do noso, do local. Foi a exaltación do substrato cultural do que non nacía en Madrid e que non quería copiar o que soaba en Londres. A aldea como centro.

"Agora existe un estigma sobre a aldea. Ningúen di 'a aldea', agora fálase do rural, desa cosmovisión mentireira que quere crear una dualidade entre o pasado que é o galego e o rural, e o futuro, que é urbano", reflexiona Xurxo Souto. Da aldea como centro ao sentimento de pertenza ao barrio por parte daqueles que tiñan a frustración de non ter nacido no centro da cidade. "Foi un movemento moi coruñés, pero só se pensamos na Coruña como cidade-barco, lonxe de provincianismos", recalca Souto. Os propios Diplomáticos, tan coruñeses como fillos da aldea, pecharán as xornadas de celebración o día 25 deste mes na mesma sala Mardi Gras, onde volverán reivindicarse, como sinala Xurxo Souto, "protagonistas da nosa creatividade, unha creatividade colectiva, porque queremos facer feliz ao mundo coa riqueza da nosa propia diversidade".

Algo parecido debeu pensar Manu Chao cando se topou co regueifeiro Pinto d'Herbón ao son da pandeireta de Josefa de Bastavales, na anécdota que mellor exemplifica o que é a esencial real do bravú. "E de remate...", como xa escribira Xurxo Souto, que citaba de rebote a Alexandre de Fisterra, inventor do futbolín, "...que continúe!". E que o que veña sexa, polo menos, outros 25 anos máis fedendo a bravío.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook