Moitas delas imaxinábanse sobre as táboas. Cando eran novas, e desenvolvían as súas respectivas profesións, ou cando acudían a unha obra e miraban con ollos cobizosos o pano vermello, os focos. As reverencias dos artistas entre o público que estoupa en aplausos. Naqueles intres, máis dunha pecharía con forza as pálpebras, e desexaría estar na súa pel. A vida leváraas por outros camiños, uns afastados dos guións e camerinos soñados, pero o do teatro „e ben o saben todas„ é un canto de serea fronte o que resulta difícil non naufragar.

Porén, Nunca é tarde para subir ao escenario. Polo menos así o reza a nova obra do TRC Danza, que plantexa no seu proxecto Comunidades en movemento un espazo para aqueles maiores que queiran pór a proba a súa creatividade. Por segundo ano consecutivo, o ciclo de baile convocou o pasado mes a estes veteranos para crear un espectáculo teatral e coreográfico para público xeral e, especificamente, para os alumnos da Universidade Sénior. Con eles leva o TRC Danza traballando preto de seis anos, tanto con clases como obradoiros, co fin de achegar a disciplina aos colectivos de maior idade.

"Queremos que o pasen ben, e que coñezan como funciona o proceso de creación dunha peza contemporánea. Ás veces pensamos que a danza deste estilo é rara, pero trátase máis do prexuízo de dicir: 'Isto non o coñezo e non vou", explica a artista Helen Bertels. A actriz é a mestra responsable do curso deste ano, no que forxou un espectáculo protagonizado por intérpretes amateur. Desde o 4 de novembro, e en once sesións desenvolvidas na Normal, trece mulleres se afanaron en facer piruetas, memorizar os seus textos e vencer os medos da inexperiencia, que non era total na maioría dos casos.

Conta Bertels que moitas das participantes proceden da edición do ano anterior. Só tres debutan como noveis este 2019 no ciclo, no que a falta de táboas a suplen coas "táboas na vida" daquel que se move entre os 50 e os 70 anos. Mañá, no Teatro Rosalía (20.30 horas), terán finalmente a oportunidade de amosalas cun espectáculo de firma propia, que situará o amor como punto focal. "Nós propuxemos o tema, pero elas o crearon. O noso labor foi acompañalas con trucos e estruturas", sinala Bertels en referencia a ela e Ánxela Blanco.

A bailarina tivo que abandonar o proceso por unha baixa, pero a súa ollada deixou pegada na obra. Tamén o fixo a de Bertels, pero sobre todo a das participantes, e os seus pensamentos sobre o romance, o pesar e o pracer. "Tivemos moitos debates sobre se o amor é dor ou deleite. Preguntabámoslles por definicións, actos de amor... E dicíannos o que opinaban", conta a actriz sobre as xornadas de traballo. A intérprete asegura que o proceso foi "moi enriquecedor", pero tamén duro. "As cousas bonitas moitas veces o son", di a artista, que estivo presente desde o xerme mesmo do proxecto.

Foi no 2016 cando Nunca é tarde para subir ao escenario comezou a tomar forma. "A mestra do ano anterior, Ana Beatriz Pérez, e eu, dimos clases de historia da danza na Universidade Sénior. Entón xurdiu o interese por poñer en práctica a teoría que lles contábamos", resume a docente. Para Bertels, o proxecto é tamén unha oportunidade para "reivindicar" as capacidades das mulleres maduras "en todas as partes", incluído o escenario. O reclamo non é especialmente urxente na danza, que conta con "moita xente maior traballando", pero si noutras pólas como o audiovisual, no que "se tes entre 40 e 50 anos" os papeis femininos "non existen".

O baile como encontro

O colectivo dos maiores non é o único co que o TRC Danza trata de tecer fíos. Comunidades en movemento inclúe tamén no seu marco a centros escolares, que protagonizaron colaboracións o ano pasado, así como ao Conservatorio Profesional de Danza, que deu lugar esta edición a Assemblé. A peza está dirixida por primeira vez por un alumno da propia entidade, que deu renda solta ao seu maxín. O resultado, no que participou o artista Félix Hernández como titor, poderá verse mañá, de novo no Rosalía.