Bieito Romero tiña 20 anos cando comezou a ver o que ninguén vía. Foi a comezos dos 80, cando lle regalaron a súa primeira cámara fotográfica. Coa correa colgada do pescozo, o que pouco despois sería fundador de Luar na Lubre empezou a percorrer a xeografía galega en busca deses símbolos celtas que aínda rezuman historia entre pedras, igrexas e linteis. Para a maioría, o seu relato é invisible, pero Romero sabía ir cos ollos espertos. "Canto máis vas aprendendo, máis ves. Hoxe observo cousas que antes non podería descubrir", conta o músico.

As súas primeiras descubertas foron na Coruña. A terra que lle veu nacer un dourado día de outubro converteuse no seu terreo de pescuda inicial, no que se deixo fascinar polas formas xeométricas do Castro de Elviña. Logo viñeron os trísceles do Monte de Santa Tecla, a chamada cativadora das demais provincias. Chegados ao 2009, o material compilado era tal que publicou Xeometrías máxicas de Galicia (Edicións Ir Indo), un volume que continuou este novembro con Simboloxía máxica en Galicia.

O libro, editado por Baía Edicións, terá a súa posta de gala esta tarde ás 20.00 h. Será na Fundación Seoane onde o autor tecerá os contos do pasado, a través de 500 fotografías tomadas en todos os recunchos da terra. Nin fiestras nin hórreos ou igrexas, nada escapou do obxectivo de Romero. Na súa obra o intérprete repasa os debuxos desde a plástica castrexa ata a época actual, cos que deu forma a unha proposta que define como "un traballo de exteriores".

O campo, o pisar a terra, foi esencial en todo o proceso de investigación. "Percorrín máis de 20.000 quilómetros de Galicia, dun sitio para outro. No arquivo reunín 5.000 imaxes, e tiven que facer unha escolma", lembra o intérprete. O motor que o empurraba a calzar as botas non era outro que a paixón, un canto quedo que lle fixo eco desde novo. "Sempre me gustou a etnografía e a cultura celta. Os símbolos son unha forma identificadora, como a arquitectura e a paisaxe natural", apunta.

A iconografía ten peso na pedra, nos decorados de casas e nos recintos sacros. Máis aló de aí, porén, as formas perden en interese. A diferencia doutros lugares de Europa, ou mesmo de España coma "Euskadi ou Asturias", en Galicia existe unha falta de recoñecemento. "A xente hoxe non identifica a riqueza patrimonial que temos. É un tema de autoestima e desinformación", lamenta Romero, que xa empeza a ver os primeiros síntomas dos estragos.

Froito do desinterese, moita da simboloxía caeu no abandono. "Temos a sorte de que o que predomina é o granito, que é duradeiro, pero así e todo hai un deterioro importante", di o músico. As cruces cumiais, unha das formas máis frecuentes na xeografía galega, son as que se atopan en máis risco. Moitas das recollidas no libro xa non están, borradas polo paso do tempo e a falta de coidados.

Un exemplo se atopa na capela do Rosario, no concello coruñés de Muxía. O musgo mordeu alí en moitos lugares a rocha, que simbolizaba o humano e o espiritual, as estacións do ano ou mesmo os períodos da vida. O significado focal, porén, era o sol como xeito de protección. "Era o motivo principal. A mesma cruz é un símbolo solar. Foi a súa primeira representación, e logo xurdiu o círculo arredor", conta Romero.

Unha destas cruces pode atoparse no Parrote, na Igrexa de Santiago. En realidade, basta un paseo pola Cidade Vella para observar varias destas iconas, entre as que proliferan as "flores de seis pétalos" coñecidas como hexásceles. O músico, acredita estes debuxos nun colar exposto no Castelo de San Antón ou na Igrexa de San Franscisco de Betanzos, entre o resto de trísceles, rosetas ou espirais que repasa no volume. Unha compilación de músicas de Luar na Lubre dotadas do mesmo "compoñente máxico"„ O son do ar, Devanceiros„acompañan o volume, para o que o intérprete xa augura un terceiro tomo centrado no "universo" de signos que agocha o interior das casas.