Xa hai tres ou catro anos que Juan Lois visita A Coruña polo Nadal. E non o fai por ver as luces, nin por saudar á familia, ou polo menos non á de sangue. Logo de tantas veces xuntos sobre as táboas, os membros da Banda Municipal de Música son para o director unha sorte de parentes afastados, aos que non pode dicir que non cando descolga o teléfono. "É fácil convencerme para botar unha man. Sempre son ben recibido, e teño a sorte de que me conviden cada ano", conta o intérprete, de novo coas maletas á beira do Atlántico.

A primeira vez que sacou delas a batuta fronte á formación foi en 2013. Daquela acudía á cidade cunha mestura de emoción e medo, preocupado por axustar todos os detalles ao "nivel" que esgrime o grupo. A estrea foi "unha grande responsabilidade", pero "fluíu ben, moito mellor do que agardaba". Apenas un pouco despois, xa era unha tradición velo ante o atril na recta final de cada ano, festexando a conta atrás para mudar os almanaques.

Con vistas ao de 2020, a estas alturas Lois sabe o que funciona. "Replicamos os concertos de Viena de Aninovo, cun repertorio máis desenfadado que o público agradece", explica, en referencia ao espectáculo deste xoves 19 de decembro (20.00 horas) no Pazo da Ópera. Strauss, con melodías como El vals del Danubio azul, será o rei absoluto da actuación. Desta volta, acompañarano Jules Massenet con El Cid, así como polkas e algunha pezas de Suppé.

O obxectivo, conta o director, é "traer un anaquiño de Viena a Galicia". Os ensaios para unha empresa tal os comezaron aínda onte, pero non sen dedicarlle antes longas xornadas de estudo na casa. O intérprete pontevedrés botoulle horas na cabeza ás obras, que adaptou cos seus propios arranxos. "A dirección é algo que me gustou desde cativo, pero tamén intento aprender co lapis. É unha aprendizaxe que nunca se completa", apunta o músico.

17

Un anaco de Viena no Nadal da Coruña

Ten que remontarse a finais dos noventa para rescatar a súa primeira composición. Lembra que foi unha muiñeira, unha partitura tradicional que compuxo para a Banda Municipal de Silleda. Entón tiña 17 anos, pero a ilusión de escoitarse por primeira vez a mantén intacta. "Sempre é especial, porque sempre queres comprobar como sona", afirma o director, para o que a música "é unha medicina".

A dose receitoulla o seu pai na infancia, como un xeito de "reconfortase "nos intres que non son tan bos". Aínda que non dun xeito profesional, o seu proxenitor tocaba en varias orquestras galegas, e soubo transmitirlle aquela paixón ao pontevedrés. Lois alentouna nos conservatorios, raspando os cóbados coa madeira áspera das mesas nas que se atrincheiraba para estudar. Os resultados daqueles esforzos tornáronse en pentagramas de firma propia, algún dos cales se ten colado por sorpresa nos recitais realizados coa banda coruñesa.

O intérprete adoita traballar con ela "un par de veces" ao ano. Este mesmo mes de xuño uniu forzas co grupo de Juan José Ocón, malia que non o fixera como batuta. A Banda Municipal de Santiago, na que exerce de trompetista, deu un concerto conxunto co da cidade para abordar un repertorio que a falta de músicos lles impide acometer por separado. "É unha cuestión bastante común a nivel nacional. Vimos dunha crise que supuxo unha fatalidade, e pouco a pouco vaise liberando, pero precisaríase un trato máis agarimoso para que se vira que a cultura está curada", defende o director.

O seu desexo para estas datas o ten claro, e corre nese sentido. "Ogallá se puideran cubrir todas as vacantes. Sería unha grande noticia para toda esa xente que ten talento, e que non pode traballar neste formacións". A Lois afúndelle a alma non dispor de "todos os elementos", "co grande nivel" que hai en Galicia. "Os mozos teñen unha moi boa formación á que se debería intentar dar saída", lamenta o intérprete, mentres confía, como tantos outros, en poder abrir un novo capítulo coas badaladas.