Teñen obras sobre o Camiño de Santiago, e colaboracións coa Real Filharmonía de Galicia ou Zoar, pero tamén pezas para os máis pequenos que, en realidade, son para todo o mundo. É o caso de Xan Perillán compra, queixo compra pan, o título sobre hábitos de vida saudables que Os Monicreques de Kukas levará ao Fórum Metropolitano este domingo (18.30 horas). Di a súa directora, Isabel Rey, que a concienciación medioambiental non entende de idades, e mesmo que pode ser recomendable para os non tan novos. "A función é para nenos, pero hai moita xente maior a que tamén lle viría ben aprender sobre consumo responsable", apunta a organizadora.

Alimentarse dun xeito san, non deixarse levar polos reclamos e mercar con cabeza é o que intentan ensinar coa obra. O fan "sen deixar de lado o entretemento", cunha personaxe cruce entre vello "entrañable" e mago fantástico. O rol que encarna o actor Marcelino de Santiago Kukas xa ten un percorrido en Xan Perillán e a maleta máxica e Xan Perillán vai á biblioteca. A súa aventura no supermercado, no que leva xa media década, é froito do afán do intérprete por mesturar as súa paixóns, que entroncan as marionetas, o ilusionismo e a pantomima.

En Xan Perillán compra queixo, compra pan, o pallaso ten que facer a compra e enfrontarse ao "trasno das larpeiradas". "Quere enganalo para que merque trapalladas, pero coa axuda do seu loro Ravachol vaise metendo en verea". A maxia tamén lle bota unha man, e vai solucionando "as cousas absurdas" que lle acontecen. "Cando remata a función, os nenos se lle achegan para darlle unha aperta. O ven coma un avó que fai ilusionismo", asegura Rey.

Os trucos en escena non é o único que queda na retina dos mozos. Coa caída do pano, os cativos levan á casa unha lista de consellos "que lles van vir moi ben na vida", como "ler as etiquetas, non deixarse convencer polos anuncios enganosos ou mercar produtos de proximidade, porque son máis baratos". Reducir, reempregar e reciclar tamén forman parte da lección, aínda que moitos a traen xa aprendida da clase. "Os hai que remata a obra e queren ir tomar lambetadas, pero en xeral están cada vez máis concienciados. Antes preguntabas se sabían reciclar e armábanse unha lea, pero hoxe controlan bastante", afirma a directora.

A cofundadora da compañía fai a comparativa respecto a unha peza anterior, Un agasallo para Xaquín, na que abordaron a mesma cuestión. Foi aquel encargo do Instituto Galego de Consumo o que prendeu a mecha para "achegarlles aos nenos mensaxes deste tipo", cun "teatro social e didáctico" que levan practicando desde o 79. Este ano, a formación cumpriu as catro décadas baixo os focos, e recibiu entre outros o Premio da Cultura Galega das artes escénicas da Xunta e o Premio Xiría ao labor teatral da Mostra Internacional de Teatro de Cangas. Os galardóns son unha homenaxe á súa longa traxectoria, que comezou na Feira do Queixo de Arzúa, da man de dous mozos que non pensaban vivir da creatividade.

"Eu estaba estudando matemáticas, e Kukas facía pantomima. Chamáronnos, fixemos unha obra de monicreques, e fomos cada vez a máis", lembra a artista. Naquela primeira Fabanola, escaseaban no panorama galego os espectáculos de monifates, un universo no que a compañía mergullouse coa investigación de novos mecanismos nos bonecos. O idioma polo que apostaron, o galego, tamén foi novidade na época, na que se propuxeron „ata o de agora„ "seguir coidando a lingua" desde as táboas.