África López era unha fanática da literatura de aventuras. De nena devoraba sobre todo a Verne, coas súas viaxes submarinas e as súas voltas arredor do globo. Con todo, había un detalle que lle incomodaba dos libros que se apiñaban na súa mesiña de noite. "Tomei conciencia de que case todos os protagonistas eran homes, e de que había poucas mulleres. O feito de que non se vexan limita o xeito de medrar", explica a escritora.

As que atopou cos anos remataron por reconfortala, e déronlle un lugar ao que asir as súas ilusións de mocidade. Di que lle gustaría que tiveran sido máis, pero que o seu descubrimento era xa de por si unha busca do tesouro. Para que non lle aconteza o mesmo ás rapazas que hoxe, coma ela, soñan con escalar montañas e derrotar dragóns, escribiu o libro que presentará o día 20 no Ágora (19.00 h.), Mulleres que (nos) dan que pensar. Pensar en todas esas mozas pioneiras, científicas ou mariscadoras, cuxas vidas quedaron ocultas nos andeis dun tempo que non se molestou en revisalas.

En total, o volume reúne a preto de 40 referentes, pertencentes a ámbitos tan dispares como o deporte, o agro, a industria ou a emigración. A súa autora recolle a intelectuais como Concepción Arenal e escritoras como Pardo Bazán ou Rosalía de Castro „algúns dos escasos nomes que a historia quixo conservar„, pero tamén outros anónimos, sen rostro, pero non por iso menos importantes.

Entre as liñas do seu libro de cubertas brancas, mira de esguello, por exemplo, Pencha Santasmarinas, que loitou a brazo partido polos dereitos das mariscadoras e a profesionalización da muller no sector. Tamén asoman o nariz aquelas emigradas a Suíza nos anos 60, e as cigarreiras das fábricas de tabacos, que pasaban os días enroscando papel de fumar. As retratadas chegan ata o século XX, e remóntanse moi atrás no tempo, ata o IV. Nesa data, López resalta a unha das primeiras aventureiras, unha viaxeira coñecida como Exeria, que acadou co texto da súa peregrinación a Palestina o título de primeira escritora galega. "Ás mulleres se nos educou para estar na casa, e parece que é agora cando comezamos a viaxar. Pero cando recorres a historia ves que hai exemplos do contrario desde hai anos", sinala a escritora.

Moitas destas revolucionarias tiveron nas súas partidas de nacemento a mesma bandeira que López. Galicia foi caldo de cultivo para pioneiras como a almiranta Sabela Barreto ou a farmacéutica Manela Barreiro, que despuntaron na historia por abrir ao sexo feminino as súas profesións. E é que, para atopar estrelas, non sempre hai que mirar ceos alleos. "É importante partir do que temos aquí para logo reflexionar de xeito global. O próximo funciona dun xeito máis potente como referente, sobre todo para as novas xeracións", apunta a autora, que compendiou só a protagonistas da terra.

Foi unha chamada de Francisco Castro, editor de Galaxia, a que lle fixo tomar a decisión e dar o salto ao volume. Os seus cimentos foron o Dicionario de mulleres e o Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega, entre os que intercalou as súas reflexións sobre aspectos como "o maltrato ou a dificultade feminina para acceder a ámbitos da arte ou do deporte". Para a escritora, todas estas formas de desigualdade están conectadas, e derivan da falta de exemplos sólidos. "A invisibilidade alimenta os estereotipos, que son moitas veces a base da violencia. As achegas das mulleres enriquecen o mundo, e é unha perda non coñecelas", afirma.

Á caza de referentes

Na súa labor como escritora e como docente no Instituto Urbano Lugrís, López trata de darlle a volta á situación. Intenta difundir estas figuras, cuxa desaparición comeza nas aulas. Á profesora enfádalle "que a estas alturas non haxa mulleres nos libros de texto", como se houbera "que inventalas" cando "só hai que investigar". Asegura que deberían "estar incluídas na vida diaria", para que os nenos saiban que "non só os homes son modelos a seguir".