Logo de bailar as rúas no seu primeiro disco, A Banda da Loba proponse cantar raiolas. Todo o que para elas emite un fulgor. O grupo escolleu o sabor a pan de Galicia, as verbas de poetas como Xela Arias e a forza da muller e das súas nais. A todas elas dedícalles Fábrica de luz, o seu segundo traballo, que tocará esta noite ás 22.00 horas no Garufa Club.

O disco inspira esperanza desde o primeiro corte.

Si. O que fixemos foi englobar todo baixo o paraugas da idea de nai, concibida nun sentido amplo. Para nós, as primeiras nais son a terra e a lingua, e as figuras de todas aquelas que nos precederon tanto na música como na literatura, e que fixeron que hoxe poidamos crear como creamos. De aí vén a mensaxe de esperanza, de que todo evoluciona, e de que estamos no camiño de lograr moitas cousas, pero que hai que seguir creando liberdade para conseguilo.

En que necesitamos arroxar hoxe algunha raiola?

En moitísimas cousas. En liberdades, igualdade... Seguimos sen poder expresarnos como deberíamos, e seguimos tendo desigualdade de xénero. Por iso as nosas letras teñen unha mensaxe clara. O que non facemos é cancións que non digan nada ou pouca cousa.

Un dos seus temas o bautizan como Anagnórise. Tiveron a súa no rodaxe da banda?

Si, totalmente. Eu creo que o autodescubrimento foi a evolución que vexo dun disco a outro, a nivel de autocoñecemento, pero tamén da relación entre nós. Cando comezamos, éramos cinco persoas que nos coñecíamos, pero hoxe somos unha familia. O son que ten a banda agora tampouco ten que ver co dos comezos.

O que si manteñen é a poesía. Ás mellores cancións xa están escritas?

Moitas veces si. Sempre dicimos que o máis sisudo da nosa música está nas letras. En cambio, as melodías son moi pegañentas, porque intentamos que as volvas escoitar para que se che quede a mensaxe. Facémolo porque a poesía ás veces é complexa de entender. Pero é unha linguaxe coa que estamos familiarizadas, porque moitas de nós somos lectoras do xénero.

Len en galego, cantan en galego... Ven remontar o idioma?

Eu creo que, na escena musical, o galego non está nunha mala posición. Pero si que creo que hai un problema en canto a consumidores, porque compartimos un espectro moi pequeno de público. Ademais, o galego aínda é limitador a día de hoxe para tocar en determinados escenarios.

Non no caso do folk...

Iso é unha illa no deserto. Pero no resto de estilos musicais, non temos canles que visibilicen o que estamos a facer aquí. Non hai medios que se fagan eco, axudas institucionais que enfoquen que a nosa música saia das nosas fronteiras... E que te chamen de fóra se non te coñecen é imposible.

No exterior temos referentes como Sés ou Tanxugueiras. É feminino o futuro da música galega?

Eu creo que está a haber un repunte. Pero a nivel de vocalistas sempre houbo moitas mulleres na música galega. Podemos falar de Uxía Pedreira ou Guadi Galego. Onde si penso que hai unha mellora é na concienciación, e tamén en que cada vez haxa máis mulleres que tocan instrumentos e que non son só cantantes. E iso antes non era común.

Tampouco as bandas de mulleres, como a súa.

Porque se nos esixe máis que a un grupo formado por homes.Temos a obriga de ser boas para estar aí, cando hai moitos grupos masculinos que non tocan moi ben (ri). Pero é moi difícil atopar unha banda feminina que, cunha calidade similar, non sexa criticada ou vetada. As esixencias non son as mesmas, tampouco na imaxe ou no xeito de comportarse ante determinadas cousas.