Viven neste mundo, pero non son del. Posúen longos cabelos, rostros fermosos e extremidades anfibias, e habitan nas augas galegas de auga doce. As xacias „ afirman as historias„ parécense as sereas, aínda que resulten moito menos coñecidas. Apenas quedan hoxe un puñado de lendas que retraten a estes seres mitolóxicos, que os antigos pescadores buscaban de esguello cando ían á faena.

Ás veces, o inquietante encontro producíase, e entón o río tinguíase de sangue. Aconteceu fai anos en Vilar de Ortelle, segundo testemuñou en 1927 o seu párroco, Ramón de Castro, que recolleu por escrito o suceso. O relixioso conta na lenda que un mariñeiro achegouse a unha poza, e namorouse dunha xacia que lle pediu ser bautizada para casar. A parella tivo fillos, pero primou neles a natureza da nereida, e o relato „como pasa en toda colisión de mundos„ acabou en traxedia.

"Tiveron unha discusión, e ela tratou de volver á auga. Pero, ao saberse o sacramento que recibira, rematou asasinada polas demais xacias", conta Bieito Romero. O músico, fillo do fundador de Luar na Lubre, relata a historia sen vacilar nin un intre, como aquel que aprendeu un texto cos seus puntos e comas. A lenda se lle gravou na mente a base de compases, aqueles cos que musicou a lenda en Canto das xacias, o primeiro disco do seu grupo Dequenvessendo.

O albume, que se presentará o 12 de xuño no Teatro Rosalía, reconstrúe en cada un dos seus once temas un anaco da historia. Entre as pistas resoan a tristura da xacia, o desacougo do pescador e o lamento de Sabel, unha das súas fillas. Así precisamente chámase un dos singles que a banda xa lanzou ao mercado, logo de forxarse na Asociación Triskell. Para publicar os demais, a formación mantén desde xaneiro unha campaña de crowdfunding en Verkami, unha plataforma na que se realizan donativos para a creación do disco.

O proxecto supera xa o centenar de mecenas, e 4.000 dos 6.500 euros que a banda fixouse como meta. "Estamos contentos de ver todo o apoio que temos detrás. Ademais, hai xente nova que nos está a coñecer grazas á plataforma", explica Romero. O recadado destinarase a financiar aspectos coma a maquetación, e a realización de camisetas ou chapas. Empregarase tamén para gravar os temas, que o grupo perfecciona desde 2016, cando comezou como cuarteto de música tradicional.

Dequenvessendo empezou a cocerse en foliadas e cantos de taberna, ata que ampliou as súas inquedanzas á música irlandesa e bretona. O crecemento levou da man un engrosamento do grupo, que se converteu nun sexteto con Irene Cerqueiro como vocalista. Ademais das melodías celtoatlánticas, o grupo quixo apostar nas letras pola poesía e a narración da terra. No albume, entoados pola doce voz da coruñesa, soan versos de Manuel Rico, Antón Santamarina ou Adela Figueiroa, así coma romances populares ou os escritos do pontevedrés Luis Maquieira.

Di Romero que "o descoñecemento do propio pesa demasiado" en Galicia, e que a música pode ser unha "canle" para resolver o entorto. "Queremos cantar as historias de aquí que non se saben", sinala o gaiteiro, que asegura que contan no disco "con musicazos". Entre eles brillan Sés, Nani García ou o propio pai do artista. O músico recoñece que a sombra de Luar na Lubre é unha presión nestes primeiros pasos, pero tamén un aliciente e o lazo que acabou por unir á moitos dos membros do grupo.

Tres dos integrantes do equipo descenden dun ou doutro xeito da icónica formación. "Irene é sobriña de Xan Cerqueiro [frauta] e Miguel Ocampo de Patxi Bermúdez [tambor]. Tamén o noso técnico de son, Javi, é fillo de Xavier Ferreiro [percusións]", explica Romero. Xuntos, os músicos conforman unha nova fornada de folk, logo da explosión que tivo lugar nos 90. Serán un segundo Luar na Lubre? "Todo mudou moito desde aquela. As artes precarizáronse e os mozos abandonaron o folclore. Pero ser un segundo Luar na Lubre... Quen nos dera!".