Noticias | Agenda

Un firmamento por descubrir

A Domus festexa o Día da Muller e a Nena na Ciencia con 'Estrelecidas', un ciclo de parladoiros sobre a igualdade na disciplina artellado pola escritora Estíbaliz Espinosa
10-02-2020 19:40
0 votos
A deputada de Igualdade, María Muíño, e a escritora Estíbaliz Espinosa, a semana pasada. Casteleiro/Roller Agencia

A deputada de Igualdade, María Muíño, e a escritora Estíbaliz Espinosa, a semana pasada. Casteleiro/Roller Agencia

Cando alguén alza a mirada ao ceo nocturno, cara a Lúa, está a observar unha constelación de nomes. Son 1.586, unha morea de títulos, que foron bautizando os distintos cráteres do astro co devagar dos anos. Entre eles está o filósofo Diderot, o naturista Alexander von Humboldt e o escritor H.G.Wells. Apenas hai, porén, Lises Meitners ou Hipatias de Alejandría, figuras de muller que debuxan só 28 dos centos que se escolleron no tempo.

Para Estíbaliz Espinosa, poeta embebida en ciencia, as cifras son un bo exemplo da fractura que se abriu sempre baixo os pés femininos. "Ilustra bastante como está a situación, e a brecha que hai. Moitos poden nomear a Galileo, pero poucos a Henrietta Swan Leavitt ou Jocelyn Bell", critica. A "educación sen prexuízos" e a "visibilización das mulleres que fixeron do científico a súa vida" son, indica a coruñesa, parte da solución a este problema. Entre as artistas e divulgadoras que impulsan o recoñecemento tamén quixo contarse ela, que inicia este martes o seu proxecto Curiosas na Lúa.

A iniciativa, gañadora en 2019 dos Premios Luísa Villalta, nace coma "un ciclo de cultura científica con perspectiva de xénero". O obxectivo é pór luz sobre o papel das mulleres na ciencia, e achegar dúas pólas „a da literatura e os avances científicos„ que moitas veces semellan afastadas no imaxinario popular. Estrelecidas „"un verbo só galego que significa: 'facer visibles as estrelas"„ é a primeira parte do proxecto, composto por tres parladoiros con destacadas figuras da física, a astrofísica e a bioloxía. Os profesionais, moitos a cabalo entre as ciencias e as humanidades, pasarán ata o venres pola Domus ás 20.30 horas, coma parte das actividades do museo polo Día da Muller e a Nena na Ciencia que se celebra hoxe.

Os primeiros en visitar o centro serán a física Laura Morrón e o astrofísico Borja Tosar. Os expertos falarán de Lunáticas ou a muller na Lúa segundo a ciencia, o cine e a literatura, unha charla na que abordarán desde a súa presenza na pantalla ata a misión para lograr que, aos 12 que pisaron o satélite, se una o máis axiña posible unha muller. O xoves entrará en xogo o neurosexismo con Descerebradas ou cerebros, anatomías e sexos segundo a ciencia e a literatura. Serán o investigador Casto Rivadulla, a escritora Marilar Aleixandre e a bióloga Joana Magalhães os que debatan nesta sesión do ciclo, que rematará o venres con Lingoreteiras ou escribir e publicar ciencia.

Tanto esta conferencia da química Deborah García e do físico José Edelstein como as do resto de profesionais aluden desde o propio nome á desigualdade. "As persoas adiantadas adoitaban recibir eses insultos, e hoxe segue pasando. Sobre todo no caso das mulleres, que son consideradas unhas charlatanas", afirma Espinosa. A situación, indica, tradúcese nunha menor cantidade de autoras que publican sobre a materia, especialmente en Galicia. Á idea de que "as ciencias son para eles e as humanidades para elas", súmase na comunidade unha reticencia editorial cara á divulgación científica, que fai que sexa "moi difícil atopala publicada en galego".

"Aínda existe a crenza de que o noso idioma só serve para falar de árbores, non de bioloxía", lamenta Espinosa, que defende que ciencia e literatura "se traballen como parte dunha cultura común" coa que espertar unha conciencia crítica na sociedade. A divulgación, sinala, é para iso esencial, así coma para crear "novos modelos para as próximas xeracións de cativas". Cando era unha delas, a escritora atopou nela un empurrón cara a especialidade, cunha vía curiosa „a serie Cosmos„ coa que se namorou das estrelas.

O Planetario xunto ao que vivía e que visitaba con asiduidade, tamén axudou. Conta que as súas sesións lle "fascinaban", e que segue asistindo a elas, ás veces como aficionada e outras a xeito de inspiración. Nos seus poemas, a autora mestura versos con neuronas, números primos e mesmo astronautas. Á súa bibliografía sumaráse pronto un libro sobre Estrelecidas, que completará o proxecto xunto a concertos sobre mulleres pioneiras e unha canle de YouTube.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook