Son moitas as versións que se teñen feito de O estraño caso do doutor Jekyll e Mr. Hyde, a popular peza do século XIX escrita polo novelista Robert Louis Stevenson. Pero en ningunha delas -polo menos ata o de agora- as dúas caras do turbado médico traducíranse nun clarinete baixo e un contrabaixo. En Eu é outro, a nova montaxe de A Cova das Letras en compañía da Banda Municipal, a tenrura do facultativo sona doce e xubilosa, para volverse "grave e terrorífica" co caer da noite. Dun lado para outro da escena, actuando e tocando as partituras, será Xocas Meijide o que carrete os instrumentos, para artellarlle un novo traxe a unha historia que, máis de 100 anos despois, o público non se cansa de escoitar.

A peza estrearase este xoves no teatro Colón, ás 20.00 horas, baixo a dirección de Juan José Ocón e con todo un elenco de músicos transformados en actores. A voz cantante a levará a actriz Cristina Collazo, que interpretará a unha traballadora dun futuro alternativo. O mundo, xestado desde o decembro pasado pola dramaturga, empápase na estética steampunk para dar pé a unha realidade na que a ciencia funciona a vapor. Na Fábrica de Música na que crea partituras, a intérprete soporta as burlas dos seus compañeiros, que se rin dela por non saber tocar o seu instrumento soñado, o clarinete.

A xeito de vinganza, xorde das súas mans a adaptación sinfónica do monstro de Frankenstein de Mary Shelley. Trátase de PER, un humanoide concibido como o mellor clarinetista do mundo, ao que da vida Meijide como solista. Foi o músico o que iniciou o proxecto, coa súa idea de xogar coa literatura clásica e as partituras do valenciano Ferrer Ferrán. O seu The castle of Dr. Bascclar -unha obra especialmente "descritiva", segundo Ocón- amplíase dos 15 aos preto de 50 minutos que dura a peza, na que se inclúe un epílogo e un prólogo firmado por Manuel Paino e os Cantares de Galicia a modo de introdución.

O novo espectáculo conta coa aprobación do compositor orixinal, ao que o director da banda cóidase de manter informado. "Chámoo en todos os ensaios e cóntolle como vai a montaxe", asegura. Ocón leva desde a semana pasada traballando coa banda, máis preocupada case pola parte teatral que pola musical. "O concerto queda en segundo plano, o importante é a obra. O que estamos ensaiando en realidade é o teatro, porque nel temos moito choio", explica o clarinetista.

Meijide asegura, con todo, que a agrupación é "moi versátil", unha afirmación que subscribe Collazo. "A banda ten moita participación dramática, pero dáselle moi ben. Case non lles fai falta ningunha directriz porque son moi animados", conta. Ocón, preocupado por seguir os tempos, recoñece as dificultades da empresa. "Hai que seguir o texto e tamén tocar. É unha tensión que nos custa, pero non pode afectar á música, que ten que ser de dez", indica.

Para logralo, os intérpretes deben sortear a complexidade da afinación, e os xiros e acentos que esixe Ferrán nas súas partituras. Tamén teñen que integrarse na historia, coas súas distintas capas de significado. Aínda que ambientado noutro tempo, Eu é outro nace coa pretensión de extrapolarse á actualidade, e facer crítica desas "novas tecnoloxías nas que creamos unha persoa que non somos nós para conseguir o que queremos". Dun xeito sutil, malia que tamén reivindicativo, Collazo quixo sinalar ademais a transexualidade, coa conversión que se narra dun corpo feminino ao masculino.

Ampliar os horizontes

Eu é outro é un dos múltiples musicais que a banda contempla no seu cartel deste ano. Ocón segue a expandir os límites da formación, coa que xa experimentou noutras disciplinas como o circo, ou a colaboración con nenos ou persoas con diversidade funcional. O director asegura que no grupo "algo está pasando. Non sei que, pero hai unha ilusión". "Sexa o que sexa, hai que deixar que pase. Eu estou moi contento co crecemento dos intérpretes", apunta.