Adeus ríos, adeus fontes. Adeus, regatos pequenos, escribía Rosalía de Castro a mediados do século XIX, nunha das súas obras máis icónicas, Cantares gallegos. Unha estrofa que, para o mundo que lle seguiría na posteridade, sería para sempre proba do seu carácter. No maxín dos lectores, e daqueles que só beberon das súas verbas de oídas, á autora vístelle unha aura de tristura permanente. Non é así, porén, para Fina Calleja, responsable da peza Rosalía, que decidiuse a reivindicar este 22 de febreiro no Colón (12.30 horas) esa cara da artista que a historia habitualmente esconde.

A escritora nena, a que non aparece nos libros de texto, é a que protagoniza a representación de Culturactiva. A obra repasa a súa infancia desde un faiado da súa casa en Castro de Ortoño, o reino no que lle gustaba xogar e prender a imaxinación, quizais xa soñándose poeta. Aínda que os biógrafos non se poñen de acordo na data exacta, sábese que foi por aquel tempo cando se produciu un dos xiros máis importantes da súa vida. A súa nai, María Teresa de la Cruz Castro, chamouna entón para que se reunise con ela en Santiago, a onde tivo que marchar cando rozaba os nove anos de idade.

Aquela Rosalía cativa resistíase a deixar o fogar. Calleja retrátaa xa rebelde, "intrépida e divertida", unha nena á que lle gustaba debuxar e que, ademais de pola pluma, despuntaría na capital galega por ser unha grande intérprete. Pasar da aldea á urbe abriulle a escritora "toda unha serie de oportunidades", como entrar no Liceo de la Juventud, no que puido afondar nas súas inquedanzas culturais. "Remata facendo un descubrimento: que todo o que teme perder vai levalo consigo para sempre, e vai transmitilo a través da palabra. É así como acepta marchar", relata a directora.

Sería o tempo desde ese intre o que convertería a María Rosalía Rita en Rosalía de Castro. O seu talento incubado en Padrón chegaría mesmo ao ecuador de España, "asombrando autenticamente" en Madrid. Para Calleja é aí onde xurde a imaxe que se popularizou da autora, "unha etiqueta que a reduce". "Hai unha postura interesada por vela así, porque non saben que facer con ela. Por iso esa idea de muller morriñenta instalada no lamento", explica a artista.

Entre todas as arestas dunha obra de teatro, Rosalía nace coa meta de romper o clixé. No escenario, interpretada por Cristina Collazo e acompañada por Rocío González, a escritora afástase dese arquetipo pasivo, e amósase como "unha nena como o público, coas súas dúbidas e imposicións ditadas polo mundo adulto". O novo debuxo da poeta ten por fin xerar unha maior "empatía" cos espectadores, especialmente cos pequenos de entre nove e doce anos que seguen con ollo curioso as súas andainas. "É importante desmitificar a figura de Rosalía para lograr que os rapaces comecen a achegarse a ela dun xeito distinto", di a responsable, que tamén quere cruzar o seu "amor á poesía" coas inquedanzas dos máis cativos.

Na primeira vida que é a infancia, a verba é obxecto de gozo, pero prima a narrativa. "A prosa é o que ten máis predicamento, pero hai que lembrar eses xogos e trabalinguas en verso cos que entretemos aos nenos", indica a directora. O seu espectáculo recupera esa "perspectiva lúdica" do xénero, para tratar de manter acendida a paixón mesmo a través do terreo árido da adolescencia. Esa poesía, "unha maneira de ver o mundo", é segundo Calleja a "outra gran protagonista" da obra, que vincula o plano literario con esas horas previas á partida de Rosalía.

Aquela viaxe marcou, asegura a directora, a produción na madurez da artista. O seu compromiso fíxose evidente no seu falar das mulleres e dos emigrados, así coma da situación da terra que tanto amou. A peza de Culturactiva é só "unha pequena achega na revisión do patrimonio" que representa, e que cómpre "pór en valor". Os encargados de facelo no futuro, os nenos, teñen unha cita con ela na urbe, na que terá lugar a estrea da obra.