Logo de somerxerse nos últimos anos nas historias detrás do cotiá, Iván García Campos (A Coruña, 1974) bótase a rúa. Faino con O viaxeiro perfecto (Galaxia), un condutor de ambulancias chamado Mario, que se propón cumprir o soño do vello Raimundo Martín de volver a París antes de fenecer. Entre as conversas e a subida do quilometraxe, o autor reflexiona sobre a vida e a pluralidade da cultura. Toda lingua e xeito de pensar é unha mina, defende no libro.

Desmárcase e aposta pola aventura?

Si. É certo que as miñas novelas anteriores trataban máis do particular, daquilo que non nos paramos a dar valor, pero este libro é máis aberto. Unha parte é unha viaxe de dous personaxes, e o que se persegue é tratar de comprender algo tan básico como a vida.

Na novela semella suxerir que é a maior viaxe de todas.

Claro. Había un escritor que dicía que hai viaxeiros que mesmo ignoran que viaxan. Se cambias a verba, moitas veces pásanos que nesta vida cotiá de erguernos e de ir a traballar, nos esquecemos de que estamos vivindo. Nesta obra hai esa metáfora, porque cando un escribe unha novela, sempre conta dúas historias. A que se lee e a que non, que é esa historia secreta que se constrúe co que non dis e que para min é o obxectivo.

"A vida é accidentada e está dominada polas circunstancias", escribe. Foi unha aprendizaxe?

Si. Eu teño agora 45 anos, e voume dando conta de que ao inicio temos certo concepto da vida como un proceso lineal, pero logo decátaste de que non funciona así. A vida é máis contraditoria do que parece. E pequenas circunstancias poden cambialo todo. Parte da viaxe que relato, por exemplo, é unha que vivín hai anos nun coche ata Amsterdam. Algunhas cousas que pasan aí tamén me aconteceron, aínda que non é autobiográfica.

O viaxeiro perfecto fala moito da cultura, e de cuestionarse a través dela. A literatura debe interrogar?

Si, o mundo debe ser interrogado desde os libros. Por iso creo que o escritor debería ser máis un sismógrafo que un documentalista, porque para iso non escribes ficción. Un autor ten que estar á espreita, escoitando á vida. A min interesábame falar da multiculturalidade, da pluralidade das opinións, das linguas...

Un tema de actualidade...

Xa. Ultimamente escóitase que esa pluralidade, máis ca unha riqueza, é un obstáculo. E a min paréceme incríbel. Eu trato de darlle valor como a inmensa riqueza que temos, non coma un perigo.

Encaixan eses mensaxes na actual industria literaria?

O nome de industria literaria xa está dicindo cal é o obxectivo: gañar cartos. Trata de darlle un utilitarismo á literatura, e busca un produto moi sinxelo, como comida rápida. Por iso a industria editorial está creando a un consumidor moi acomodado. A novela non morre, o que está morrendo é un tipo de lector, e a propia industria é a que o está matando.