Xoán Babarro dixo adeus ás aulas fai uns anos, pero continúa dedicando o seu día a día á paixón pola que nos anos 80 recibiu dous galardóns O Barco de Vapor: a literatura infantil. Cunha morea de obras publicadas e traducidas en máis de cinco idiomas ás súas costas, o ourensán presentou en Berbiriana a súa nova creación, Teño oito anos e quero ser youtuber, nun encontro "moi familiar" no que estivo acompañado pola autora Rosa García Vilariño.

Por que motivo o seu protagonista quere ser youtuber?

El é un neno que sente que foi destronado pola súa irmá, que acaba de nacer. O libro fala sobre a súa integración no mundo no que vive e todo o que vemos é a través da súa imaxinación. As tecnoloxías están moi presentes no seu entorno: os seus pais son modernos, e a súa avoa ten Facebook. O habitual a día de hoxe. No seu caso, fíxase en cousas do seu arredor, e quere ser youtuber para transmitilas.

Cousas nas que os nenos fíxanse máis do que cremos

Si. O neno é coma unha esponxa, e decátase de moitos dos problemas que afectan á sociedade. El ve a unha nai que rebusca comida no lixo, aos inmigrantes... Non son temas que se traten directamente, pero se mostran as impresións que recibe e como as interpreta a través dunha serie de redaccións que escribe no ordenador, coma se fose un diario.

Os adultos tamén poden ver a través dos ollos das personaxes dos libros infantís?

Todos os que escribimos este tipo de literatura defendemos que tamén pode ser lida por maiores, xa que empregamos moitos recursos que incluso aprecian máis os adultos caos nenos e nenas.

Manoliño Singapur e Kukamoto Canchés tamén xiran arredor da tecnoloxía. A súa profesión axudoulle a entender a conversión das novas xeracións en nativos dixitais?

Si. Ser mestre axudoume a estar en contacto co mundo da infancia e da xuventude, e a facer a literatura que fago. Eu vivín todo ese boom das redes sociais, e sempre fun moi consciente da presenza constante que ten Youtube e os medios modernos no mundo infantil. Nos meus libros as tecnoloxías non son máis cunha canle que serve para introducir as relacións familiares, os divorcios, as amizades ou a convivencia, cousas que ocorren todos os días, pero que neste caso se presentan nun envoltorio máis moderno e atractivo para os nenos.

Cre que os libros compiten co Internet e cos videoxogos?

Non. Penso que tódolos soportes se complementan e, aínda que hoxe hai máis estímulos audiovisuais, non estamos no momento no que os nenos len menos. Todo o contrario: lese moito no mundo da infancia. É verdade que sempre existirá o dirixismo do profesorado, pero hai moitos nenos que len por pracer, e na miña experiencia puiden comprobalo.

Diría que a forma de ler e de escribir literatura infantil é diferente?

Ás veces dámonos de conta dos cambios cando xa aconteceron. Dende os anos 80 a literatura infantil e xuvenil cambiou radicalmente. Agora trátanse todo tipo de temas, o abano é máis amplo e, sobre todo, cambiou o modo de editar, xa que agora hai libros ilustrados que son auténticas obras de arte. O que continúa permanecendo é a opción do libro clásico sobre o dixital.