Presentación do libro De Illas e Sereas, a cargo da súa coordinadora Margarita Ledo Andión

Participan: Margarita Ledo Andión, Fernando Redondo Neira e Marta Pérez Pereiro

Neste terceiro volumen da serie, publicado polo Grupo de Estudos Audiovisuais en colaboración coa Editorial Galaxia, as autoras e autores analizan os filmes galegos que chegaron ás pantallas no último ano ou aqueles que están aínda en construción, xunto con aquelas pezas que adoitan pasar desapercibidas para o público por navegar fóra dos roteiros máis transitados, buscando outras formas de expresión.

A catedrática da Universidade de Santiago Margarita Ledo Andión coordina de novo esta exploración na que tamén participan «á marxe de servidumes académicas e desde a crítica aos modos obsoletos de pensar nas películas» Fernando Redondo Neira, Cibrán Tenreiro Uzal, Alberte Pagán, Antía López Gómez, José Luis Castro de Paz, Pablo Súarez-Mansilla e Marta Pérez Pereiro.

«Sobria e espontánea, coma a liña que traza as campesiñas nas obras de Seoane, a serea é esa imaxe que guía a sorte do vaixel no mascarón de proa; é a cariátide voandeira que exhibe os seos na capela do Salvador da catedral de Santiago; é a esfinxe de cabelos alados que Castelao soñou como escudo de Galiza canda o lema "denantes mortos que escravos"; é a serea que se fundiu cun lobo da Illa Lobeira e dela emerxeron as rendas de Camariñas, a que se uniu ao cabaleiro de Roncesvalles e deu orixe á saga dos Mariño, navegantes até máis aló de Chile, a que chega de lonxe mais nunca é estranxeira. Desexo de sereas é, xa que logo, esa seiva no noso imaxinario que nos fai ir alén e armar o cinema en lingua galega. Aínda que no luscofusco a figura deveña ambigua, por veces ríspeta e ameazadora, nós imos termar sempre desa lanchiña de papel onde os filmes poidan, contra vento e marea, navegar de illa en illa» (Margarita Ledo)