Esta noite, na TVG (22.00 horas), soa o canto de taberna, un dos xéneros máis populares da música galega, en Traes unha cantiga?, para elaborar unha listaxe dos temas con máis sona. E hoxe, Paco Lodeiro, cantante e presentador da canle autonómica, participa no espazo como padriño dos grupos e formando parte do xurado.

Cal diría que é a importancia dos cantos de taberna para A Coruña?

Son parte da tradición festeira da cidade, que aínda que está presente en diferentes barrios da cidade acada o seu esplendor na contorna da rúa San Juan e da praza de España.

O canto de taberna é un mundo onde se sente cómodo, non?

Xa o recolleu Cervantes no Quixote: “Quen canta o seu mal espanta”. A canción pode servir para expresar sentimentos, reivindicar cambios sociais, expresar ideas, emocionar á audiencia, pero o canto tabernario ten a particularidade de ser compartido. Así que ademáis de gozar de cantar, unir as voces aos compañeiros de canto engrandece o goce.

Hai na Coruña tabernas que foron verdadeiros templos do canto de taberna?

Si, claro. Tabernas que están na memoria de todos os coruñeses, e que cambian segundo as xeracións. No que a min me toca, é sabido que fun asiduo a Os Belés moitos anos.

Se cadra con menos intensidade pero séguese cantando nas tabernas da Coruña?

Vou facer unha proposta: que algún cool hunter influencer poña de moda en TikTok os cantos de taberna.

Que ten a Coruña para que sexa tan cantareira?

Esa vocación de que ninguén se sinta forasteiro na cidade, de acoller aos de fora, e de non ter moita ansia por volver cedo para casa.

Participar en Traes unha cantiga? tróuxolle lembranza da súa participación cantando nas tabernas?

Si, claro. Foi unha gozada de gravación onde ademais os participantes fixéronnos cantar a todos. Así que, como adoita pasar nas tabernas, cando alguén manda rematar, o corpo aínda pide mais... Eu funme cantando a peza que popularizara Cesáreo, nos Belés : “Vaian collendo as Güayaberas, non se esquezan de pagar”.

Tivo unha función se cadra complicada: escoller, con Sheila Patricia e Alfredo Dourado, a cantiga gañadora e desbotar outras dúas. Como foi?

Pois mira, cada un tiña a súa favorita... e non coincidimos. Pero finalmente chegamos a un acordo. En contra do que din os tópicos, se cadra chégase a máis acordos nas tabernas que noutros foros.

Na gravación logrouse un ambiente similar ao que se produce nas tabernas?

Tanto é así que a xente pedía bises e animábase a cantar. Foi un acerto levar as cámaras á taberna en vez dos cantantes a un plató.

Cre que o programa é un bo inicio para que os cantos de taberna volvan a estar en auxe?

Agradezo a iniciativa da TVG de poñer en valor os cantos de taberna, e desexo que a audiencia permita que haxa máis temporadas, e que haxa grupos que se formen coa intención de saír no programa.

Cre que os espectadores van sorprenderse co que van ver está noite en Traes unha cantiga?...

Agardo que si.... E que teñan a tentación de rebobinar para aprender as repichocas.